Lugonovo amosa a súa preocupación polo futuro que lle agarda á Fábrica da Luz e polas repercusións económicas que o proceso, no que se atopa inmersa a concesión para a súa explotación, poida ter para o Concello.
“As cuantiosas sancións interpostas contra a administración local e tamén o impacto ambiental que propiciou o proxecto obrigan a abordar con seriedade e dilixencia a súa solución”, advirte Iñaki García Gómez.
Ante a maraña de competencias que cómpre deslear para depurar a quen corresponde a responsabilidade do “despropósito que supuxo dende o inicio tanto a obra como a propia adxudicación, debe ser agora o executivo local quen tome a iniciativa para poñerlle fin ao conflito”.
“Cremos que, neste momento, o máis convinte é manifestar a necesidade de elaborar un novo Plan de Impacto Ambiental que si se axuste á realidade. O anterior non contemplaba a presenza de determinadas especies no couce fluvial, un dos motivos de peso polo que se paralizaron os traballos de construción do dique”, explica o concelleiro. “O novo documento serviría non só para establecer un protocolo de protección axeitado senón tamén para clarificar se o proxecto de Inca é viable ou se dá pé á posible anulación do contrato. De ser así, quizais a multa do Ministerio de Agricultura teña tamén fácil recurso”.
A conclusión de García Gómez chega despois de que o executivo respondera ás preguntas formuladas pola formación na Comisión de Desenvolvemento Sostible, celebrada esta mañá, e na que se puxo de manifesto que o servizo de contratación está a estudar tódalas opcións das que dispón a institución para saír, o mellor parada posible, do procedemento.