Un cidadán anónimo puxo en coñecemento dun axente da Policía Local a existencia de varios cabalos e cans en mal estado nunha finca do barrio de Castelo.
Por mor da denuncia, os axentes aos que se encomenda a intervención policial póñense en contacto co propietario da finca, co cal se trasladan ao lugar, acompañados da veterinaria do Hospital Rof Codina, realizando unha inspección ocular no interior da propiedade.
Obsérvase a presenza dunha egua e un poni, informando a veterinaria que a primeira se atopaba en estado de desnutrición.
Tamén se comproba a existencia do cadáver dun can, aparentemente falecido por inanición cando tentaba librarse da correa que o ataba para chegar ata outro can morto, concretamente unha cabeza, que se atopaba próxima e cuxo resto do corpo, presuntamente e a xulgar polo contido do seu estómago, xa se comeu o can, finalmente morto pola consecuencia da falta de alimento e bebida.
Durante a inspección ocular, os axentes tamén puideron comprobar que, debido ao estado da finca, os animais carecían de pasto e, a pesar de haber unha bañeira a modo de bebedoiro, esta atopábase baleira e tampouco tiñan onde beber.
Por todo o exposto, os axentes actuantes procederon a instruír un atestado por un presunto delito de malos tratos animais, que foi remitido ao Xulgado de Garda.