Os parlamentarios de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández, presentaron unha iniciativa na Cámara Baixa dirixida ao Ministerio de Fomento para pedirlle explicacións pola importante redución económica no investimento a realizar para o mantemento da vía e as estacións ferroviarias da liña de ancho métrico, a antiga FEVE, nos territorios de Galiza e Asturias.
Fernán Vello e Fernández explican que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) decidiu recortar abruptamente o investimento previsto para a liña de FEVE en Galiza e en Asturias. Lembran que en xuño do ano pasado Adif adxudicou 12,8 millóns de euros para a execución dun proxecto para o mantemento preventivo e correctivo da rede de ancho métrico.
“De maneira imprevista, agora Adif deixou a partida en 2,3 millóns, nada máis e nada menos que 10,5 millóns menos”, subliñan. Os parlamentares de En Marea poñen de manifesto que precisamente se recorta “nunha liña ferroviaria moi necesitada de melloras. Non é a primeira vez que trasladamos ao Ministerio as importantes deficiencias que ten liña de FEVE que percorre Ferrolterra e A Mariña até chegar a Asturias”.
Unha área que precisa da potenciación do ferrocarril
Denuncian a “política de desmantelamento constante e paulatina de FEVE que é un paso atrás en materia de transporte dado que esta infraestrutura podería funcionar como un servizo de proximidade, de contar coas melloras urxentes no material rodante, de unidades modernas, de máis persoal, de melloras na infraestrutura e na liña, e sobre todo, de frecuencias e servizos adoptados ás necesidades da poboación”.
Os parlamentares de En Marea consideran que Fomento está a abandonar as liñas ferroviarias internas cando “temos unha infraestrutura creada que sería de moito interese aproveitala e potenciala ben para incentivar o transporte por ferrocarril moito máis ecolóxico e sostíbel”. Ademais, as comarcas de Ferrolterra e de A Mariña son moi deficitarias en materia de ferrocarril, impulsar a liña de ancho métrico redundaría nos habitantes destas zonas e tamén no transporte de mercadorías, de grande peso nesta área”.
Os deputados anuncian que nas partidas do proxecto de Orzamentos do Estado terán moi presente as necesidades de FEVE no territorio galego, e a tal fin, presentarán melloras orzamentarias.