O Goberno da Deputación abre hoxe e ata o 3 de febreiro o prazo de solicitude dos 193 postos de traballo para persoas desempregadas da provincia, que ofrece a través do “Ben Empregado 3, máis social”, que dotou de 2,3 millóns de euros. Do total de postos ofertados, 34 son en empresas e colectivos sen ánimo de lucro de Concellos da Mariña, 40 da Comarca da Terra Chá, 50 na de Lugo, 16 na de Sarria e 3 na da Ulloa; 19 na da Montaña, 28 en Lemos e Chantada, e outros 3 con mobilidade pola provincia.
En www.deputacionlugo.gal están publicados os perfís laborais, así como a documentación necesaria para inscribirse, que debe presentarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ou nos das dependencias administrativas que recolle o artigo 38.4 da Lei 30/1992.
Nesta edición, cada interesado poderá concorrer, como máximo, a dous perfís. Para iso, deberá presentar a seguinte documentación: fotocopia do Documento Nacional de Identidade; fotocopia da tarxeta de demandante de emprego ou o certificado de empadroamento; curriculum vitae actualizado; vida laboral actualizada e os anexos da solicitude. Para consultas pódese chamar aos teléfonos 982-260- 222 e 982-260- 085, ou ben enviar un correo electrónico a: benempregado2@deputacionlugo.org.
O “Ben Empregado 3, máis social” oferta un total de 193 postos de traballo, que foron solicitados polas 178 empresas e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia, que resultaron beneficiadas das axudas do organismo provincial para a contratación de novos traballadores. Para a súa selección, o Executivo Provincial primou ás entidades de nova creación; ás impulsadas por mulleres, maiores de 45 anos ou por mozos de entre 16 e 35 anos. Tamén favoreceu ás entidades e colectivos que propuxeron contratacións indefinidas, cursos de formación, medidas de conciliación laboral ou melloras en canto aos convenios do sector dos traballadores.
Financiamento dos custos laborais nun 100% ou nun 50%
As empresas que elixiron a opción de contratar a lucenses no paro con capacidades diferentes ou de colectivos vulnerables (persoas con problemas físicos ou psíquicos, de etnia xitana, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos ou ex-drogodepentes) recibirán o 100% da axuda económica; as empresas que contraten desempregados que non están incluídos nestes grupos recibirán o 50%.
Os colectivos sen ánimo de lucro que resultaron beneficiados, que son 26, demandan outros 28 postos de emprego. Neste caso, o Goberno da Deputación decidiu financiarlles ao 100% os custos.