Unha prolífica programación pero cunha raquítica difusión. Esa é a diagnose que realiza o Grupo Municipal Lugonovo da realidade cultural do municipio.
“Frecuentemente se organizan actos na cidade, de gran calidade, con moi boa crítica pero aos que a escaseza da súa promoción os condena ao fracaso debilleteira”, reflexiona o portavoz. “Moitas veces somos sabedores deles a posteriori, cando a prensa recolle algún comentario sobre a súa celebración”.
Santiago Fernández Rocha entende esta circunstancia como “unha perda de oportunidade, primeiro de que a oferta existente sexa aproveitada polo xeral do público e, segundo, de que a cultura transcenda como un valor máis do interese turístico que pode ter Lugo”.
“Canta máis audiencia teñan os distintos espectáculos mellor investidos se poden considerar os recursos empregados; un obxectivo para o que quizais sexa tan importante a contratación do evento como a súa promoción,” salienta o voceiro.
Fernández Rocha considera oportuno trasladar ao Consello Municipal de Cultura a reflexión sobre como potenciar a divulgación do ocio local para que os sectores representados nel poidan achegar as súas propostas. “Cómpre efectivizar os esforzos económicos que está a facer o Concello, porque os resultados non están a altura. Nin os case 12.000 euros destinados ao aloxamento e mantemento da App Lugo Turismo parecen estar dando os froitos axeitados, nin tampouco o boletín infocultural que se envía semanalmente.”
O portavoz da formación insta a convocar canto antes unha nova xuntaza da Comisión para abordar este asunto e traballar, igualmente, na mellora da coordinación coa fin de evitar solapamentos, “algo que nos parece inxustificable porque, entendemos, hai tempo dabondo durante todo o ano para repartir as accións de maneira que non sexan excluíntes entre elas”.