O Presidente, Darío Campos Conde, informou este mércores que o Goberno da Deputación xerou un total de 166 novos postos de traballo en 46 Concellos da provincia co DEPUEMPREGO. Este é o plan de emprego do Executivo Provincial para os Concellos de menos de 20.000 habitantes. Está dotado de 3 millóns de euros, cos que financiar os custos laborais de novos traballadores, que reforcen os servizos públicos municipais, que as pequenas entidades locais teñen que ofrecer aos seus veciños.
Dos 166 postos xerados ata o momento, 148 están ocupados por outras tantas persoas que foron seleccionadas en procesos públicos, organizados polos 44 municipios nos que xa están a traballar.
Na actualidade, está aberta a solicitude dos restantes 18 empregos xerados. Son en Baralla, Friol, Mondoñedo e O Saviñao. En Baralla, ofértanse 3 postos como peón, e o prazo está aberto ata o 27 de xaneiro. En Mondoñedo, búscase 1 varredor-peón, e as solicitudes poden facerse dende o 30 de xaneiro ata o 7 de febreiro. En Friol, son 6 peón de mantemento de espazos naturais, e no Saviñao 6 peóns, 1 limpador e 1 administrativo. O prazo para concorrer aos empregos destes últimos municipios abrirase proximamente. A inscrición e máis información ao respecto nos propios Concellos.
Hai outros 97 postos de traballo máis, cuxos procesos de selección, dos que se encargan os Concellos, terán lugar nas vindeiras semanas, pois o Goberno da Deputación financia os custos laborais dun total de 263 novos traballadores nos 66 municipios. Faino con 3 millóns de euros, que distribuíu en base a criterios totalmente obxectivos: taxa de paro, superficie, entidades de poboación e núcleos poboacionais. Isto supuxo que cada Concellos reciba axudas de entre 27.000 e 67.000 euros para a contratación persoal.
193 empregos máis e 7 accións formativas con posteriores contratos
O Presidente destacou que, a maiores dos 97 postos de traballos do DEPUEMPREGO, continúa aberta a solicitude dos 193 empregos en empresas e colectivos sen ánimo de lucro da provincia, dirixidos a lucenses no paro, que o Goberno Provincial ofrece a través do “Ben Empregado 3, máis social”. Tamén segue aberto o prazo para as primeiras 7 accións formativas do LUGOWORK para 105 mozos lucenses sen traballo e menores de 30 anos. Trátase do plan de emprego xuvenil do Executivo da Deputación, que inclúe formación sobre nichos de emprego na provincia e, posteriormente, contratos laborais durante 6 meses en empresas luguesas.
Distribución dos 148 traballadores
Os 44 Concellos que xa contan con 148 traballadores novos, dos que organismo provincial corre cos custos laborais financianse na súa totalidade a través do DEPUEMPREGO e son os que se citan a continuación:
A Mariña, 22 postos de traballo en 9 Concellos: Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Ribadeo, Riotorto, Mondoñedo, Vicedo e Xove.
Na Terra Chá, 35 postos de traballo en 9 Concellos: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Muras, Ribeira de Piquín, Vilalba e Xermade.
Na Comarca de Lugo, 16 postos en 5 Concellos: O Corgo, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade.
Na Comarca de Sarria, 11 postos en 3 Concellos: O Incio, O Páramo e Sarria.
Na Montaña son 16 postos de traballo en 7 Concellos: Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz, e As Nogais.
Nas Comarcas de Lemos e Chantada, 28 postos de traballo en 8 Concellos: Carballedo, Monforte Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Sober, Taboada
A Ulloa, 20 postos en 3 Concellos: Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso.