O CB Breogán levou a cabo este mércores unha nova actividade formativa enmarcada dentro do contrato de patrocinio que a entidade celeste asinou co organismo provincial. Os xogadores Matthew Stainbrook e Aaron Geramipoor acudiron, acompañados polo Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, ao IES Ánxel Fole de Lugo. Alí, os integrantes da plantilla do CB Breogán mantiveron unha charla en inglés cos rapaces do centro educativo, que tiveron a oportunidade de realizarlles numerosas preguntas e desfrutar dunha clase diferente ás habituais. Ademais, os xogadores repartiron entradas para o próximo encontro do club celeste no Pazo dos Deportes ante o Lleida, que terá lugar o día 3 de febreiro.
No que resta de tempada, o club lucense realizará numerosas visitas a centros de ensino, asociacións deportivas e culturais, entidades sen ánimo de lucro, centros de menores, etcétera, de toda a provincia, coa presenza de xogadores e técnicos nas que se impartirá unha charla-coloquio sobre temas relacionados cos hábitos de vida saudables, a práctica da actividade físico-deportiva ou o baloncesto como elemento de inclusión social.
Próximos encontros programados
Este xoves, os xogadores celestes Josep Franch e Jonathan Gilling, visitarán o CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela, onde impartirán unha charla sobre hábitos de vida saudables aos 128 alumnos do centro educativo. A próxima actividade formativa programada levarase a cabo o martes 31 deste mes, coa visita ao Colexio Nosa Señora da Asunción de Sarria. En ambas visitas tamén se fará entrega a alumnos, mestres e pais de entradas para o partido que o Club de Baloncesto Breogán disputará no Pazo ante o Lleida.
Contrato de patrocinio
Estas actividades fanse ao aveiro do convenio quen asinaron a Deputación e o CB Breogán para impulsar o fomento de valores sociais a través do deporte. Para iso, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos. ou partidos con fins benéficos, entre outros.