Presentado o libro “Piornedo. Unha Comunidade de Alta Montaña dos Ancares”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentaron este mércores o libro Piornedo. Unha Comunidade de Alta Montaña dos Ancares. Fixérono cos autores Clodio González Pérez e Xoán Ramón Marín Martínez, nun acto que tivo lugar na Escola Unitaria do Piornedo. O organismo provincial colabora coa difusión desta obra co obxectivo de contribuír á promoción dos Ancares Lucenses.

Campos Conde subliñou que “creo que realizando este tipo de traballos, e, por suposto, dándolles difusión, contribuímos en certa medida a que a xente descubra a Montaña Lucense e a vida dos cidadáns desta zona. Sei de primeira man que os veciños desta zona se caracterizan, principalmente, pola súa humildade e polo seu duro traballo. Son exemplares. Vivir na Montaña, desgraciadamente, non é doado pois durante moitos anos esta zona luguesa estivo desatendida, e aínda hoxe non recibe a atención necesaria e xusta de todas as administracións”.

“Os Gobernos progresistas que fomos chegamos nos últimos 9 anos á Deputación puxemos en marcha todas e cantas medidas estiveron ao noso alcance para tentar pór fin a esta situación. Os veciños da Montaña, coma os do resto da provincia, necesitan servizos públicos fundamentais para poder seguir vivindo nas súas casas. Non piden máis que ninguén, só o mesmo. O que pretendemos dende o Executivo da Deputación é facer xustiza cos veciños desta zona. Facémolo traendo servizos fundamentais, como, por exemplo, o alumeado e o saneamento público no Piornedo; mellorando as estradas, ou mesmo con outras colaboracións, coma esta publicación, que contribúen a que se descubra a Montaña Lucense e a súa marabillosa xente”.

“Os Ancares é un lugar cunha beleza fascinante, recoñecido a nivel internacional pola UNESCO como Reserva da Biosfera que, non só temos que conservar, senón que temos que enchelo de oportunidades”, subliñou Darío Campos. “Este libro contribúe a estes dous obxectivos. Pero, para acadar as nosas metas, temos que facer moito máis. Contade, coma sempre, co Goberno da Deputación para facer xustiza na Montaña”, remarcou.

“Piornedo. Unha Comunidade de Alta Montaña dos Ancares”

No último cuarto do século XX e no que vai do XXI, o mundo rural en Galicia sufriu unha transformación que cambiou todo, traducida no abandono de innumerables lugares que foron quedando deshabitados, baleiros de persoas e dos usos que, durante os séculos anteriores, albergaran e tiveran de xeito case inalterable. Neste traballo etnográfico, faise unha viaxe a través das ferramentas, do gando, das edificacións e dos usos correspondentes e combinados desta cultura material; da súa viaxe a través dos séculos; da súa significación e riqueza lingüística.

Os textos de Clodio González e as ilustracións de Marín Martínez achegan unha valiosa imaxe de conxunto sobre a vida desta comunidade de alta montaña. A publicación conta tamén cunha gran selección de fotografías escollidas do traballo do etnógrafo alemán Walter Ebelling nos anos trinta do século XX e dos fondos do Museo Etnográfico da Casa do Sesto, entre outros, onde se pode contemplar os elementos materiais que son explicados nos capítulos do libro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com