Os representantes do BNG na Deputación de Lugo, xunto con ediles nacionalistas de Sarria, presentaron na deputación a iniciativa que defenderán no vindeiro pleno do organismo provincial para promover a recuperación e posta en valor de elementos patrimoniais de arquitectura civil existentes na provincia de Lugo.
Grazas á proposta do BNG a Deputación de Lugo elaborará un Plan Plurianual para pór a disposición dos concellos unha liña de axudas destinadas a recuperar estes elementos patrimoniais.
Trátase de que, tanto Deputación como Xunta, apoien aos concellos á hora de manter, recuperar e poñer en valor o patrimonio público municipal e elementos patrimoniais de arquitectura civil de especial relevancia existentes no seu ámbito municipal. O voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, sinalou que non poden permitir que torres como a de Sarria ou Caldaloba continúen deteriorándose sen que se tomen medidas.
Ferreiro explicou que desde o seu partido “pretenden que todas as administracións traballen de xeito conxunto para preservar o patrimonio”.
Por outro lado, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu onte en Lugo as propostas do seu partido en dúas cuestións de plena actualidade política: financiamento autonómico e loita contra a pobreza enerxética, nun momento en que o prezo da luz alcanza máximos históricos.
Nun acto aberto á veciñanza no centro social Uxio Novoneyra, Pontón explicou a proposta de concerto económico do Bloque que consiste “na xestión e control desde Galiza de todos os recursos do país e, como xa fan en Euskadi, aportar ao Estado unha cantidade como compensación por servizos comúns. Con este sistema, a facenda galega disporía de tres mil cinco centos millóns adicionais que permitirían a Galiza acabar cos recortes e blindar servizos públicos e sociais”.
A pobreza enerxética foi outras das cuestións abordadas pola dirixente do Bloque quen cualificou de “disparate político que en Galiza haxa miles de familias que pasan frío porque non poden prender a calefacción ou que varias empresas importantes para Lugo se cuestionen a súa continuidade polo custe enerxético”.