O Concello de Lugo colabora un ano máis coa Asociación Pepe Barreiro na convocatoria do 14º Concurso de Ferretes de Entroido, que terá lugar o 1 de marzo, con motivo da celebración do próximo Enterro da Sardiña. Todos os interesados poden entregar a súa composición ata o día 21 de febreiro ás 14:00 horas na área municipal de Cultura.
A forma de presentación dos traballos farase en sobre pechado, dirixido á Asociación Pepe Barreiro, con pseudónimo. Dentro deste, e acompañado pola propia composición, meterase outro máis pequeno cos datos persoais no seu interior. O pseudónimo figurará, do mesmo xeito, no exterior deste segundo sobre.
Poderá participar neste concurso calquera cidadán ou cidadá sen límite de idade. Os ferretes, tal e como establecen as bases, deberán estar escritos en lingua galega e o seu contido fará referencia a acontecementos de actualidade local, provincial ou galega. Primarase a orixinalidade, o enxeño ou o tratamento das temáticas social, política, cultural ou deportiva. A composición constará de varias estrofas e dun retrouso que se irá repetindo entre estrofa e estrofa. Tanto o retrouso como as estrofas constarán de 4 versos octosílabos.
O xurado estará formado por cinco membros da mencionada Asociación Pepe Barreiro, que emitirán un ditame inapelable, podendo deixar algún premio deserto.
O premio ao mellor estribillo ten unha dotación de 150 euros. Para o primeiro premio corresponden 100 euros, 50 € para o segundo, 30 € para o terceiro, e 10 € para os 17 seguintes, cun total de premios de 500 €. O xurado, se o estima oportuno, poderá conceder accésits dotados con 10 € cada un.