A Consellería do Medio Rural apoiou a 280 titulares de explotacións agrarias lucenses achegando axudas que superan os 16 millóns de euros, destinadas a modernizar as súas producións a través dos plans de mellora. Dáse a circunstancia de que a provincia de Lugo recibe case a metade destas axudas, o que supón un 45% do total de Galicia.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen indicou en rolda en prensa, que “os beneficiarios son agricultores, gandeiros e produtores avícolas, de 47 concellos lucenses, que reciben unha axuda media de cincuenta e oito mil euros, e que poderán destinar a financiar, os investimentos materiais e inmateriais, que supoñan unha mellora ou un reforzo ao rendemento global da súa explotación”.
No que compete á provincia de Lugo, os plans de mellora beneficiaron a 170 sociedades agrarias ou cooperativas, 79 homes e 31 mulleres. Balseiro afirmou que estas achegas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o tecido económico e social do agro e procurar a súa maior competitividade, a través de melloras na xestión.
Ademais, José Manuel Balseiro, anunciou que este mes de febreiro sairá unha nova convocatoria cun orzamento de 65 Millóns de euros que serán destinados a axudas de Plan de Mellora, a incorporación de mozos e mozas e a pequenas explotacións.
Por outro lado, Balseiro fixo tamén unhas declaracións sobre o paso do AVE por Galicia, e tildou de “positivo o traballo que está facendo o presidente da Xunta de Galicia ao reunirse co Goberno de España”.
Tamén destacou, o delegado territorial, a renovación do compromiso sobre o acceso da provincia de Lugo á alta velocidade ferroviaria. No tocante as estacións intermodais, Balseiro afirmou que “xa se acordou licitar as obras como proxectos conxuntos coa Xunta de Galicia e impulsar este ano 2017 esas licitacións. Balseiro asegurou que van a traballar nesa liña e que van cumprir cas licitacións”.