A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu hoxe á Ministra de Cultura saharauí, Jadiya Hamdi,que visita estes días a cidade. No encontro, a rexedora agasallou á ministra cun libro sobre a Muralla de Lugo, dos autores Adolfo de Abel Vilela, Alberto Alcorta, Felipe Arias, Covadonga Carreño e JoséIgnacio López de Rego.
Lara Méndez agradeceulle a Jadiya o seu importante traballo na loita polos dereitos do pobo saharauí e destacou o labor que realiza a ONG SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), dando resposta á axuda humanitaria que precisan os refuxiados saharauís dende Galicia.
Pola súa banda, Jadiya Hamdi agradeceu a colaboración que presta o Concello de Lugo co programa Vacacións en Paz, ao que a entidade local aporta uns 7.000 euros a través do Plan Estratéxico de Subvencións, unha iniciativa mediante a cal nenos e nenas saharauís pasan o verán en España, e neste caso en Lugo.
Na recepción tamén estiveron presentes a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Presidenta de SOGAPS, Maite Isla, o Delegado Saharauí para Galicia, Habibulah Mohamed, o Vicepresidente de SOGAPS, Emilio Portela, e a activista saharauí e membro de SOGAPS, Hassanna Aalia.