Falece David Álvarez Carballido, o militante comunista máis antigo da provincia

 

Hoxe faleceu aos 94 anos de idade David Álvarez Carballido, o membro da provincia de Lugo con máis tempo de militancia no Partido Comunista de España, ao que se afiliara en 1952. “Os seus sesenta e catro anos de militancia comunista son un exemplo de inesgotable compromiso coa igualdade, a solidariedade e a xustiza social”, afirma Carlos Portomeñe, membro do Comité Federal do PCE e ex secretario xeral do Partido Comunista de Galicia.

David Álvarez Carballido naceu en San Martiño de Suarna, municipio de A Fonsagrada, o 3 de setembro de 1922, un ano antes de instaurarse a ditadura de Primo de Rivera. Xa antes da proclamación da II República en 1931, San Martín vive unha efervescencia republicana que marca a súa socialización política. Despois do golpe militar de 1936 é testemuña da represión na súa comarca.

O 21 de xuño de 1948 emigrou á Arxentina, e desde o primeiro momento asistiu ás xuntanzas da Federación de Sociedades Galegas. Na Federación participou nas actividades dos republicanos no exilio a prol da democracia e contra a ditadura franquista. Por estas actividades foi detido tres veces en Bos Aires, en 1952, 1953 e 1958. Trala primeira detención e durante a estancia en prisión, o 2 de maio de 1952, ingresa no Partido Comunista de España. Pola súa actividade, coñeceu a Luis Seoane, Rafael Alberti, Lorenzo Varela, Eduardo Blanco Amor e outros moitos intelectuais e políticos comprometidos coa causa republicana e antifascista.

Regresa clandestinamente a Galicia en 1962. O seu labor centrase en axudar a constituír células comunistas polo territorio galego, e contactos cos enlaces sindicais de fábricas e estaleiros. Establecido en Vigo, en1963 participa activamente na campaña para tratar de impedir o fusilamento de Julián Grimau, dirixente do PCE. Na cidade olívica foi detido e torturado, pasando un ano no cárcere da rúa Príncipe, actualmente o museo MARCO. De Vigo foi trasladado ao cárcere de Carabanchel, sendo xulgado en setembro de 1964 polo Tribunal de Orde Público que o condenou a dezaoito meses de prisión.

Ao saír do cárcere regresa á Fonsagrada e traballa como reloxeiro, a súa auténtica profesión. Despois vive en Lugo e na Coruña, sempre desenvolvendo actividade política no PCE e no PCG. Nestes anos recibiu varias homenaxes, destacando dúas: a tributada polos seus veciños e veciñas da Fonsagrada, e a colectiva de veteranos/as do PCG o 7 de novembro de 2008 no Auditorio de Galicia, en Compostela.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com