A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, formará parte do Consello Xeral de Cidadáns , o máximo órgano de representación do partido entre asembleas. A elección de Olga Louzao tivo lugar esta mañá no transcurso da IV Asemblea Xeral que Cidadáns celebrou en Coslada. A portavoz en Lugo foi escollida entre os 570 compromisarios participantes no conclave, procedentes de toda España.
Consello Xeral é un dos tres órganos de dirección de Cidadáns, xunto á Executiva e á Comisión de Garantías, e ten importantes funcións: controla á Executiva, redacta e aproba informes, elabora proxectos sobre estratexia e organización interna, dá o visto bo aos programas e aproba a participación en procesos electorais e valida o informe de xestión e o documento de estratexia política que con carácter anual presenta a Executiva.
A elección de Olga Louzao tivo lugar mediante o procedemento de listas abertas desbloqueadas, dun xeito similar a como se escolle aos membros do Senado. A portavoz no Concello de Lugo, que xa fora a máis votada de toda Galicia nas eleccions para compromisarios, recibiu apoios de fóra da comunidade, xa que Galicia dispoñía de tan só 14 compromisarios na Asemblea, entre os que se atopaba o tamén concelleiro de Ciudadanos en Lugo Jesús Expósito.
“Hai que ser valentes para que Cidadáns poida ser tamén unha alternativa en Galicia”
O pasado 23 de xaneiro Olga Louzao xa fora a máis votada na elección de compromisarios de Cidadáns Galicia nunhas primarias nas que tamén foi escollido Jesús Expósito, o noveno máis votado a nivel galego, e xunto a Olga Louzao os dous únicos representantes da provincia de Lugo na asemblea celebrada esta fin de semana en Madrid. A elección de compromisarios tivo lugar a fin de semana do 21 e 22 de xaneiro mediante voto telemático dos case 1.000 afiliados que Cidadáns ten en Galicia. Dos 14 compromisarios galegos elixidos, 6 procedían da provincia de Pontevedra, 4 da provincia da Coruña, 2 da provincia de Ourense e 2 da provincia de Lugo.
Olga Louzao postulouse como compromisaria para a IV Asemblea Xeral cun texto no que defende que ” Cidadáns pode ser unha alternativa tamén en Galicia, pero para iso hai que ser valentes e ambiciosos e dar pasos na dirección correcta nos vindeiros anos tendo presentes os erros cometidos”. No escrito no que solicitaba o voto dos afiliados, baixo o título de “Medrar en Galicia”, a portavoz de C’s en Lugo, onde a formación laranxa ten a máxima representación institucional a nivel galego con dous concelleiros, apostaba por que Cidadáns debe “evolucionar con pasos firmes en Galicia” co obxectivo de ser un proxecto “ilusionante e realista”.