Un home resultou ferido esta mañá en Vilaba despois de sufrir unha descarga eléctrica ao querer retirar un cable de alumeado público caído na vía. Segundo informa o 112 Galicia, o home conducía un camión -que por mor do cable- quedou inmobilizado. Foi nese intre, “cando o operario baixou do camión para retirar dito cable e sufriu a descarga caendo ao chan”, así o relataban os efectivos de Protección Civil que se achegaron ao punto tras ser alertados polo 112 Galicia.
O suceso ocorreu no lugar de Lourixe, en Nete, no Concello de Vilalba. Pasadas as 8:30 horas de hoxe, Urxencias Médicas indicaba ao 112 Galicia que un médico e unha ambulancia se dirixían a ese lugar para atender a un home que sufrira unha descarga eléctrica nos brazos. Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil e de Protección Civil de Vilalba. Así mesmo, informou ao persoal da compañía eléctrica e do Concello que tras tensar o cable, a incidencia quedou arranxada.