A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a publicación do fallo dos premios Comensal de Honra Álvaro Cunqueiro, que concede o colectivo asturiano Gastrónomos del Yumay.
A secretaria territorial da Xunta, Marta Barreiro, recibiu aos representantes da entidade gastronómica e á presidenta do Lar Galego de Avilés, Ana Fernández Grela, e participou na presentación dos premios xunto cos responsables de Gastrónomos del Yumay, Lola Sánchez e Justo Castrillón, entre outros.
Na presente edición, os persoeiros galardoados foron o novo secretario Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alberto López-Asenjo; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e Miguel Pampín Rúa, Gran Mestre do Camiño de Santiago.
A secretaria territorial, Marta Barreiro, aplaudiu o labor que realiza este colectivo gastronómico de Avilés axudando na difusión da figura do gran escritor, xornalista e gastrónomo nado en Mondoñedo, e fomentando a veciñanza entre Asturias e Galicia.