A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores unha campaña de sensibilización e de control de estacionamentos que o Concello vai poñer en marcha, a través da Policía Local, para disuadir malos hábitos que foron adquirindo condutores e condutoras á hora de estacionar o seu vehículo privado. No acto que tivo lugar nas instalacións da Policía Local, tamén estiveron presentes o Xefe da Policía Local, Manuel Novo, e o voceiro deste servizo, José Manuel Santiso.
Baixo o lema de Aparca con xeito, a campaña arrincará o vindeiro luns, 13 de febreiro, e estenderase ata o 7 de maio, en 5 fases diferenciadas. Irá destinada, tal e como recoñeceu a propia rexedora, “a terminar con condutas incívicas que xeran a invasión para aparcadoiros de espazos destinados a outras funcións”.
A primeira delas tentará sensibilizar sobre o prexuízo que causan ao transporte público comportamentos como circular polos carrís bus, parar ou estacionar no entorno das paradas ou no propio carril, ou aparcar en dobre fila en avenidas polas que transitan distintas liñas de autobuses. Terá lugar do 13 ao 26 de febreiro.
A segunda das fases será para facer incidencia naqueles vehículos que estean estacionados en zonas de carga e descarga, para evitar o mal uso destes espazos. A rexedora pediu “respectar estas zonas de carga e descarga, pois favorecen aos traballadores que requiran desta zona de aparcadoiro, e de xeito indirecto ao comercio e á propia mobilidade”. Será do 27 de febreiro ao 12 de marzo.
A terceira centrarase na dobre fila, “unha práctica moi común que converte aos propios vehículos en elementos insalvables para o resto de condutores”. Desenvolverase do 13 ao 26 de marzo.
A cuarta fase, do 27 de marzo ao 9 de abril, incidirá no estacionamento nas beirarrúas, “co propósito de que os peóns en xeral, e especialmente as persoas con problemas de mobilidade, poidan transitar polos espazos destinados a camiñar”.
A quinta refírese ao estacionamento en prazas destinadas a persoas de mobilidade reducida e ao control das tarxetas que acreditan a unha persoa para estacionar nesta zona. “Porque garantir a súa mobilidade en coche é garantir tamén as mesmas oportunidades que o resto dos veciños e veciñas”. Nesta liña incidirá a Policía Local do 24 de abril ao 7 de maio.
Control de excrementos de animais
Lara Méndez tamén avanzou unha campaña de control de excrementos de animais na vía pública para concienciar e implicar á veciñanza na limpeza do municipio, así como para inculcar unha maior responsabilidade e civismo por parte da cidadanía que ten animais de compañía. Dita campaña terá lugar do 10 ao 23 de abril.
As campañas realizaranse en quendas de mañá e tarde, distribuíndose por zonas da cidade, para incidir en todas ao longo de toda a campaña. Haberá entre 2 e 4 axentes para cada fase da campaña.