A Concellería de Cidadanía que dirixe Rosana Rielo, non concede dende hai 15 días a Tarxeta Cidadá. A denuncia fanna os edís e edil de Lugonovo despois de recibir reiteradas queixas veciñais.
“Nestes momentos hai entre 50 e 60 solicitantes afectados e ningunha estimación do que tardará o goberno en restaurar o servizo”, explica Santiago Fernández Rocha.
O portavoz da formación considera o acontecido un “auténtico despropósito” só atribuíble á grave falta de previsión da concellería de Cidadanía.
“Non entendemos como é posible que neste departamento se puidesen quedar sen existencias e, sobre todo, que a carencia se manteña durante tanto tempo. Estamos falando dunha prestación con moita demanda pola aplicación cotiá que ten para os usuarios xa que facilita o pago do bus urbano e do transporte metropolitano e permite a identificación para acceder ás instalacións municipais ou abonar as actividades”.
Fernández Rocha cualifica, asemade, de “desconsideración” o feito de que todas estas persoas non recibiran nin unha soa explicación pola demora nin tampouco ningunha información sobre cando volverán a estar dispoñibles os carnés, cuestións que a formación trasladará á Comisión correspondente deste mes na procura dunha resposta oficial. “Agardamos, ademais, que o executivo corrixa canto antes a deficiencia”, conclúe o voceiro.