Para ACE-EU a RPT do Concello “regulariza décadas de clientelismo”

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida ven de realizar unhas declaracións, por medio do seu portavoz Carlos Portomeñe, nas que critican a proposta de Relación de Postos de Traballo presentada polo goberno local, que responde “unicamente ao obxectivo de regularizar o clientelismo practicado durante décadas na política de persoal”. “A finalidade política do equipo de goberno é clara: asegurar o control de tódolos departamentos municipais a través da creación de postos a medida que lles garantan xefaturas de servizo afíns. Non se demostra ningunha vontade de reorganizar a plantilla para recuperar os servizos públicos, ao contrario, esta RPT consolida o seu desmantelamento”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU”.

A RPT é un documento clave na administración local “que debe contar co consenso máis amplo posible, polo que ACE-EU considera imprescindible a aplicación de garantías democráticas na súa aprobación. “É moi negativo que a Xunta de Goberno Local, que só representa a 8 de 25 concelleiras e concelleiros, poida aprobar contra reloxo un documento tan transcendente para o futuro de centos de traballadoras e traballadores”. Segundo Portomeñe, isto sucede porque no seu momento Orozco acolleuse á Lei de grandes Cidades, o que “baleirou de contido o Pleno e creou un goberno municipal que traballa co método do decretazo continuo.

Ademáis, ACE-EU denuncia que “esta nova RPT fomenta a precariedade laboral no emprego público, impoñendo desequilibrios salariais inxustificables, e quere manifestar o seu apoio ás concentracións de protesta convocadas para a semana que vén polos sindicatos con representación no Concello de Lugo”. Para ACE-EU resulta escandaloso que non se deseñase a RPT en base a un traballo de campo actualizado de todos os departamentos que ofrecese un diagnóstico real do funcionamento e necesidades concretas de cada un, e que se tivese a desfachatez de presentar unha RPT plaxiada doutros municipios de menor poboación tendo pagado a unha empresa privada para a súa confección”.

“A celeridade e falta de rigor técnico coa que foi elaborada o documento presentado redúceo a un mero trámite que cumpre as esixencias de determinados grupos políticos para aprobar os orzamentos, sen preocuparse polas repercusións negativas que terá a longo prazo no futuro laboral dos empregados públicos e no funcionamento dos servizos locais”, puntualizou Carlos Portomeñe. Para ACE-EU, “a nova RPT non só non dá solución aos conflitos internos enquistados debido á mala xestión en materia de personal no Concello de Lugo, senón que os agrava e, de aprobarse nos termos seguidos ata o de agora, lastrará a xestión municipal durante anos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com