O BNG – AA pedirá a comparecencia no pleno da corporación da edil responsable de cultura, Carmen Basadre, para que de conta de cómo se tramitou, cando e por que a contratación de catro concertos por un importe total de 61.105 €. Maite Ferreiro afirmou que “o que incrementa as nosas sospeitas de que algo se fixo mal e con coñecemento de que se facía mal é o feito de que onte se retirase da web do concello un comunicado do goberno no que se recoñecía que se fixera a través de intermediarios”.
Contra a noite de onte, sábado 11 de febreiro, foi eliminado da web do concello un comunicado que se enviou aos medios de comunicación e estivo na web do concello, “O feito de que se retirase da web do concello un comunicado no que se recoñecía que se fixera a través de intermediarios incrementa as nosas sospeitas” dixo Maite Ferreiro.
Ademais “o BNG-AA demostrou como o grupo Milladoiro foi contratado polo concello de Ferrol, para un concerto o día 30 de agosto de 2016 na praza de Amboaxe, por 9.680 €. Mentres que ás arcas municipais do concello de Lugo lle terá un custe de 18.150 € cando, segundo explicou Maite Ferreiro, o concerto se celebrará en interior e nunhas datas nas que os cachés de todos os artistas son moito máis baixos”.
Segundo o comunicado ocultado na web do concello tamén se dicía literalmente que “o custe do concerto inclué ademais do caché con iva a produción, non soamente a actuación… ”. Chama a atención do BNG-AA que non se contase cos servizos da empresa que ten adxudicada, por contrato, a instalación de equipos de son e iluminación no auditorio municipal e para a que xai destinada unha partida orzamentaria e se volvese a contratar a outra empresa a través do contrato do artista, incrementando o sobrecuste.
Maite Ferreiro saíu tamén ao paso das acusacións sobre a suposta “falta de coñecemento do sector por parte dos xestores dalgunha das formacións políticas” dixo que “é certo que é habitual que se fagan contratos a través de axentes intermediarios que se encargan de comercializar a determinados artistas dependendo das diferentes zonas xeográficas, pero o que non é habitual é que estes axentes repercutan o incremento de custe sobre a parte contrante se non que é o artista quen soporta a comisión destes axentes de zona, xa que son os artistas quen se ven beneficiados por poder actuar en lugares aos que, de non ser por estes axentes de zona, non chegarían”.