Aparca con xeito!, a campaña de colaboración cidadá anunciada o pasado xoves pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu comezo hoxe centrada no control de estacionamento no carril bus. Trátase dunha campaña coa que o Goberno Municipal pretende sensibilizar á cidadanía ao tempo que vela polo cumprimento da normativa de circulación.
Deste xeito, desenvolverase ata o 7 de maio, en 5 fases de quince días de control de estacionamento. Ademais do carril bus, a Policía Local incidirá e intensificará a vixiancia no relacionado ao aparcamento en carga e descarga, doble fila, beirarrúas e en prazas de mobilidade reducida.
A primeira destas fases, que arrincou hoxe, tentará sensibilizar sobre o prexuízo que causan ao transporte público, comportamentos como circular polos carrís bus, parar ou estacionar no entorno das paradas ou no propio carril, ou aparcar en dobre fila en avenidas polas que transitan distintas liñas de autobuses. Esta fase rematará o 26 de febreiro.
A segunda das fases será para facer incidencia naqueles vehículos que estean estacionados en zonas de carga e descarga, para evitar o mal uso destes espazos, e terá lugar do 27 de febreiro ao 12 de marzo. A terceira, centrarase na dobre fila e desenvolverase entre o 13 e o 26 de marzo.
A cuarta fase, do 27 de marzo ao 9 de abril, incidirá no estacionamento nas beirrarúas, co propósito de que os peóns en xeral, e especialmente as persoas con problemas de mobilidade, poidan transitar polos espazos destinador a camiñar. E por último, a quinta refírese ao estacionamento en prazas destinadas a persoas de mobilidade reducida e ao control das tarxetas que acreditan a unha persoa para estacionar nesta zona. Nesta liña incidirá a Policía Local do 24 de abril ao 7 de maio.
Así mesmo tamén haberá unha campaña de control de excrementos de animais na vía pública para concienciar e implicar á veciñanza na limpeza do municipio. Dita campaña terá lugar do 10 ao 23 de abril.