O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago nunha xornada informativa na que se fixo un balance positivo da primeira edición dos sete espazos coworking impulsados en Galicia pola Xunta, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial, e que entra na súa recta final.
Neste programa de aceleración de novas empresas participan preto de 140 emprendedores que están a desenvolver 119 proxectos en Galicia. Son cifras que, segundo destacou o conselleiro, certifican que Galicia é “unha terra de oportunidades”.
Conde defendeu que os emprendedores son a “pedra angular” sobre a que pivota o crecemento económico de Galicia e asegurou que son os emprendedores o maior emblema da comunidade cando se fala de coñecemento, creatividade, talento ou innovación.
Segundo os datos da Xunta de Galicia, os emprendedores contribuiron a que en 2016 se creasen preto de 4.600 empresas na comunidade, o que supuxo un 16% máis que no 2015. Esta tendencia, consolídase neste comezo de 2017, con 439 firmas constituídas en xaneiro, o que supón un incremento do 38,5% con respecto ao mesmo mes de 2016.
O conselleiro tamén destacou que os espazos coworking están cumprindo as expectativas xeradas nos sete municipios participantes entre os que se encontran Mondoñedo e Monforte de Lemos.