Integrantes do grupo parlamentario de En Marea escoitaron as queixas e as propostas de produtores de pataca da contorna de Mondoñedo sobre como afecta a praga nos seus cultivos. Luís Villares, voceiro parlamentario, Antón Sánchez García, vicevoceiro, e Davide Rodríguez, participaron na visita e na reunión con representantes sindicais da zona e con produtores de patacas que este ano non puideron plantar pola praga da pataca en Galicia.
O grupo visitou Chan do Val e sobre to terreo comprobaron como a praga, ademais de afectar ao cultivo, afecta tamén ao xeito en que os produtores da Mariña están perdendo mercado no exterior e territorios limítrofes con Galicia por desconfianza e pola nula información que a Xunta está a ofrecer a produtores e comercializadores. Luís Villares explicou despois das reunións que a proposta de En Marea ten dous sentidos principais: en primeiro lugar un control rigoroso da praga, coas medidas necesarias para evitar que siga a súa propagación e, en segundo lugar, organizar un sistema de indemnizacións que teña en conta as perdas causadas pola praga e polas medidas para erradicala, desde os produtores ata o autoconsumo.
En Marea tamén propón crear un censo das fincas afectadas por esta praga, como se realizou xa en producións asturianas, para coñecer con precisión cales son os danos que está causando o verme en Galicia.