O Deputado de Benestar, Álvaro Santos Ramos, mantivo este mércores un encontro cos 15 mozos lucenses que participan no obradoiro de emprego xuvenil, que o Goberno da Deputación puxo en marcha coa colaboración de COGAMI. Trátase do Communitteando, que se está a desenvolver nas instalacións de dito colectivo social na capital luguesa.
Este obradoiro defínese en base ao “Programa Mixto de Emprego e Formación da Comunidade de Galicia”, que elaborou a Xunta, fixando que os participantes sexan mozos parados inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil e que a remuneración para os mesmos o salario mínimo interprofesional.
En base a isto, no mes de setembro, o Goberno da Deputación decidiu celebrar un proceso aberto e público para a selección dos 15 mozos lucenses desempregados. Os beneficiados teñen entre 18 e 30 anos.
Agora, tras a aprobación no Congreso da suba do 8% no salario mínimo interprofesional, e, independentemente, de que o Goberno galego non contemple a súa aplicación neste programa, o Executivo Provincial decidiu aplicala, incrementado os fondos para o Communitteando. Este é de 145.800 euros para as remuneracións dos rapaces, pasando de percibir 650 euros mensuais a 707.
Obxectivo e traballos
O obxectivo que o Goberno da Deputación se fixou con este obradoiro é contribuír á inserción laboral dos rapaces nun dos nichos de emprego detectados na provincia, como son as TIC’s, así como avanzar no acceso universal ás instalacións públicas en colaboración con COGAMI.
Por este motivo, os 15 rapaces reciben formación remunerada no eido das Novas Tecnoloxías para especializarse sobre xestión de contidos, sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Podendo exercer, por exemplo, como Community Manager.