O Grupo Municipal dos socialistas de Vilalba solicita que se convoque de maneira urxente a comisión de desenvolvemento local, emprego e comercio como resposta a un cambio de mutua que afecta á cobertura das traballadoras e traballadores do concello. Piden explicacións por parte do goberno local, a quen responsabilizan deste cambio realizado “dando as costas á oposición” e “de xeito unilateral”.
Segundo vén de afirmar o concelleiro Luís Fernández, “descoñecemos cales son as razóns que motivan esta decisión, pero desde logo a cobertura das continxencias profesionais do persoal do concello non é un asunto menor”. Ademais, subliñan que a Secretaría de Estado da Seguridade Social “mantén claramente que o cambio de mutuas prevese para casos excepcionais, debendo estar suficientemente motivado”, polo que a falta destas explicacións é identificada polos socialistas como “un eslabón máis na cadea de autoritarismo propia do goberno do Partido Popular de Vilalba”.
Ademais, cuestionan que no prego de condicións publicado para a selección e contratación da nova mutua figuren “apartados tan intranscendentes como o número de centros que se teñen na provincia, por exemplo, obviando outros esenciais”. Con isto, os socialistas refírense a cuestións que “derivan en melloras significativas para os traballadores e traballadoras”, tales como os factores de prevención da causalidade dos accidentes de traballo ou a existencia de sistemas de xestión efectiva dos servizos ofertados. “Nin sequera se teñen en conta factores de readaptación profesional en caso de ter sofrido accidentes de traballo, e o que é máis chamativo, non se contempla a posibilidade de rehabilitación en centros vilalbeses como mellora para a adxudicación”, conclúe o edil.