O senador Ricardo Varela remarcou este mércores a súa extrema preocupación sobre a chegada da Alta Velocidade á provincia de Lugo. Varela fixo esta afirmación, tras escoitar onte ao Ministro de Fomento no Senado, quen reafirmou que o AVE chegara á nosa Comunidade no ano 2019, pero sen concretar prazos nin datas de execución. Varela denunciou que o Plan oculto do Ministerio é construír unha lanzadeira que conecte Lugo-Ourense, na liña actual convencional, deixando Lugo fóra da Alta Velocidade.
O senador lucense advertiu que non existe ningún tipo de xestión sobre a chegada da Alta Velocidade a Lugo, e reiterou as súas denuncias, nas que remarcou que a provincia de Lugo está fora do mapa da Alta Velocidade do Ministerio de Fomento. Lembrou que os pasos de estudo previo, proxecto construtivo, licitación de obra e adxudicación da mesma, están todos sen facer no tramo Lugo-Ourense. E sinalou que aínda que comezaran mañá mesmo os proxectos, non baixarían de 7 ou 8 anos, condenando no mellor dos casos a chegada do AVE a Lugo para o ano 2025.
Varela Sánchez dixo que o Ministerio “trata aos lucenses de estúpidos pensando que en 2 anos pódese executar todo o que estaba previsto para executar dende o ano 2011 ata o 2019, máxime cando o Ministerio non deu un só paso para a chegada do AVE á provincia”.