O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que tras as axudas que 400 lucenses recibiron o pasado ano para o aluguer da súa vivenda habitual, este ano repítense medidas con melloras para seguir loitando contra os desafiuzamentos.
Así o deu a coñecer esta mañá, José Manuel Balseiro, quen explicou que os apoios económicos se canalizaron fundamentalmente a través de tres liñas: o programa de axuda ao alugamento de vivenda, que xestiona a administración autonómica en execución do plan estatal de vivenda, o programa Aluga e o bono social.
O dirixente territorial aproveitou para poñer en valor a continuidade do catálogo de medidas que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda puxo en marcha na provincia de Lugo, encamiñadas a garantir o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda, evitar os desafiuzamentos e paliar as súas consecuencias.
O delegado territorial afondou no bono alugueiro social, que ampliará a súa duración de dous a tres anos. No que respecta á contía, lembrou que os beneficiarios poderán seguir tendo unha axuda mensual de ata 200 euros. A esta cantidade súmase tamén una axuda única de 600 euros para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro ou para o pagamento de atrasos no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.
Neste catálogo de doce medidas inclúense o realoxo de afectados por execucións hipotecarias, o aprazamento xudicial dos desafiuzamentos, o acordo coa Valedora do Pobo para atención dos problemas en materia de vivenda, o compromiso de Caixa Rural, A Caixa e Banco Sabadell coa Xunta a non realizar desafiuzamentos, o censo de vivendas baleiras, o programa Reconduce e o Plan rehaVita para facilitar o acceso á vivenda dos máis necesitados; asemade se inclúen neste plan o asesoramento xurídico gratuíto aos afectados en procesos de lanzamento e o programa, en colaboración cos concellos galegos, sobre vivendas baleiras para alugueiro social.