O Concello de Lugo, tras un acordo do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, fomenta a importancia de cortar co sexismo no entroido, coa campaña de sensibilización Desenmascara o machismo, que tamén conta cunha vertente infantil. O obxectivo, tal e como explicou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, é concienciar aos máis cativos, aos pais e nais e á cidadanía, para vivir o entroido libre de roles e estereotipos sexistas.
A iniciativa céntrase na responsabilidade á hora de comprar disfrace e inclúe algunhas cuestións a ter en conta no momento da súa selección, sobre todo para os infantís: descartar aqueles que supoñan unha hipersexualización, por exemplo aqueles que existen en dúas versións, temáticos para o neno e sexy para a nena, que os disfraces podan ser utilizados indistintamente polas nenas e nenos, que desenvolvan a imaxinación e que favorezan a creatividade, entre outros.