A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), levou á reunión do Consello Municipal da Cultura que tivo lugar onte, a proposta de incluir unha programación de música tradicional para os meses de verán ofrecendo así “unha oportunidade única para amosar a nosa riqueza cultural que de seguro será obxecto de moitas olladas e que ten moito que ofrecer aos visitantes da nosa cidade”, asegurou Mónica Fernández, voceira desta asociación.
Unha parte moi importante e característica da música tradicional galega, é a súa interpretación en vivo, sen medios técnicos, nunha perfecta interacción tanto co medio no que se está a tocar como co público que escoita, por iso, “dende a AGG entendemos como un esceario ideal para este cometido a participación de grupos de música tradicional galega nunha programación que amose a nosa esencia musical a través de diversas actuacións en formato acústico“, afirmou Fernández quen recalcou que nestas actuacións deberán incluirse todo tipo de formacións tradicionais galegas como poden ser cuartetos, murgas, cantareiros e cantareiras, grupos de baile…, “que fagan que Lugo sexa un referente en toda Galicia e un modelo a seguir para a integración da música tradicional nas vilas galegas”.
A proposta foi ben acollida polo consello de cultura, e dende a Asociación de Gaiteiros Galegos esperan que se faga efectiva durante este próximo verán.