O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, denunciou esta mañá que o goberno socialista leva pagado sen contrato, a unha única empresa, uns 20 millóns de euros, no que cualificou como a “enésima irregularidade de Lara Méndez”.
Trátase de Gestagua, a multinacional que se ocupa da xestión da depuradora e a potabilizadora, que facturou dende o remate da súa prórroga contractual uns 10,3 millóns de euros pola Estación Depuradora de Augas Residuais, sen vinculación ningunha dende novembro de 2011, e outros 8,8 millóns de euros polos traballos na Estación de Tratamento de Auga Potable, tamén sen contrato dende febreiro do mesmo ano.
Castiñeira afirmou que “de ter en conta que ven cobrando uns 270 mil euros ao mes, a cifra dos 20 millóns de euros pronto se quedará en pouco”, e engadiu “aínda que a situación se regularice mañá mesmo, esta contía superarase dado que a empresa Gestagua rexistra as suas facturas con meses de demora”.
A este respecto, Castiñeira lembrou que as tarefas na potabilizadora se están a asumir “cun contrato de posta en marcha e non de xestión” e que no caso da depuradora “o único contrato que había era para a estación vella, non para a nova”, o que pode “engadir algunha implicación legal”. O popular tildou de “escandaloso” que pasen anos sen que o ente municipal faga algo por parar estas actuacións. Nesa liña, advertiu á alcaldesa das “consecuencias legais” que lle pode acarrear esta situación.