A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, deu conta este venres no Consello Local de Servizos Sociais, das actuacións levadas a cabo dende a súa área ao longo do ano 2016. Deste xeito, a edil fixo un repaso ás actuacións en diferentes eidos. Polo que respecta ao servizo de axuda no fogar, foron 467 as persoas usuarias, investindo o Concello neste servizo preto de 2 millóns de euros.
No referente ao Fogar do Transeúnte, máis de 3.900 persoas pasaron a noite nestas instalacións que ofrecen, de xeito gratuíto, aloxamento e alimentación a persoas en desvantaxe social, entregando xantar e cea.
Sobre os centros de día, González Abelleira indicou que se atenderon un total de 101 persoas, tanto a través do Centro de Día Antonio Gandoy, como das prazas concertadas pola propia entidade local. Nesta prestación o Concello investiu preto de 470.000 euros para o mantemento destas prazas para as persoas maiores que o precisan.
No que se refire ao programa de Xantar no Fogar, repartíronse máis 16.900 menús ao longo do ano pasado, para o que foi necesario un investimento de máis de 70.000 euros. Este servizo tivo unha media de 56 persoas usuarias ao mes, é dicir, máis de 670 ao ano, que recibiron un menú completo que leva xantar e cea.
Os servizos sociais do Concello tamén tramitaron un total de 1.505 emerxencias sociais municipais, que supuxeron un investimento de máis de 225.992 euros, Preto dun 70% das persoas usuarias de emerxencia social son mulleres. Máis do 70% do gasto total está relacionado co aluguer, seguidos dos gastos dedicados ao mantemento das vivendas –auga ou gas-, gastos de alimentación e médicos, así como gastos de comedores.
A Concelleira tamén falou sobre a posta en marcha do innovador proxecto Implica2 no meu barrio, que pretende mellorar a educación en convivencia entre os mozos e mozas dos barrios de Fermín Rivera, Abella e Milagrosa.