A prevención de enfermidades centrou a 10ª xornada técnica de produción de leite

O veterinario Juan Carlos Castro inaugurou a quenda de intervencións cunha charla centrada no traballo das ADS en Galicia, co obxectivo de realizar programas voluntarios de mellora da sanidade do gando, en específico de patoloxías altamente contaxiosas, como a BVD, a IBR ou a paratuberculose.

O relator incidiu na importancia de protexer o noso gando deste tipo de enfermidades e ter avanzado con éxito no seu control ou erradicación cando a curto ou medio prazo as explotacións se vexan obrigadas a estar libres destas enfermidades para poder operar no mercado europeo, e tendo en conta, ademais, que estes programas de erradicación de determinadas patoloxías xa son obrigatorios noutros países da nosa contorna, como Alemaña, Dinamarca, Escocia etc.

A continuación fixo a súa aparición no escenario o veterinario e asesor de vacún de leite Quim Baucells, cuxo relatorio se centrou no papel da prevención na conta de gastos da explotación. O experto catalán fixo fincapé na relevancia da información e no manexo dos indicadores para saber canto nos custan as enfermidades e ver de qué maneira se pode mellorar ese gasto.

A seguinte conferencia tivo como protagonista ao veterinario Manuel Cerviño, que repasou os factores a ter en conta á hora de introducir animais nas explotacións co obxectivo de minimizar as enfermidades. As ideas da súa intervención resúmense en: diminuír o número de animais que compramos; canto máis novos sexan, mellor, e intentar coñecer o estado sanitario dos rabaños de orixe.

Rematando a mañá fíxose entrega do galardón “Un premio á saúde das nosas vacas”. María Veiga, técnica de Elanco, fixo reconto do bo camiño que están tomando a maioría das granxas galegas na prevención e mellora da saúde dos seus animais, un camiño polo que cre “necesario continuar entre todos”. Entre todas as granxas nas que traballan era merecido destacar o bo traballo e os resultados que mantén a gandería gañadora: C, de Antas de Ulla. Recolleu o premio o seu propietario, Jesús Vázquez.

Sesión Vespertina

A sesión vespertina  que contou coa presencia do Presidente da Deputación de Lugo, Darío Camposda  e da Conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez,  comezou coa intervención de Juan Cainzos, técnico de ruminantes de Elanco, sobre a prevención de enfermidades no periparto, tal e como el mesmo cualificou: “Un dos períodos máis importantes na vida produtiva das vacas de leite”. O relator centrou a súa sesión nos factores que están detrás destas patoloxías e en como se poden previr, de mellor maneira. A última charla, dirixida polo gandeiro danés Casper Pedersen, tivo como principal obxectivo dar a coñecer o sistema de produción leiteira do seu país. Propietario dunha explotación, vicepresidente da compañía internacional de seme Viking Genetics e socio dunha das maiores cooperativas lácteas a nivel europeo, Arla,  fixo un resumo do día a día da súa gandería, destacou a importancia da recollida e o análise de datos a nivel nacional para a mellora dos índices produtivos e destacou as principais características da produción e a comercialización do leite no seu país.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com