A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, adxudica directamente unha vivenda protexida de promoción pública en réxime de alugueiro na localidade lucense de Viveiro a unha familia en serio perigo de exclusión social.
A Comisión Provincial de Vivenda de Lugo estudou o caso e propuxo a adxudicación directa desta vivenda, tal e como permite o artigo 48 do Decreto 253/2007, que destaca que, en situacións de risco como a citada, é posible realizar este tipo de cesións. O Goberno galego avanza así no cumprimento do Plan rehaVita, que está a reforzar as medidas destinadas a garantir un fogar as familias máis desfavorecidas. Estas solucións non só se dirixen a aquelas persoas que sofren problemas de índole social, senón que tamén se ofrece colaboración a outros que non poden afrontar o pago do alugueiro ou hipoteca da súa vivenda.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que segue a dar resposta a todas as familias que solicitan axuda. Neste sentido, no último ano multiplicáronse os esforzos para achegar solucións ás persoas en situación de risco, mediante novos programas de axuda como o Bono de Alugueiro social ou os convenios con entidades financeiras.