A Consellería de Medio Rural apoia a unn total de 43 gandeiros lucenses que resultaron beneficiarios da orde de axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean a pasar por dificultades financeiras derivadas da súa actividade, un programa de subvencións creado especificamente para os produtores lácteos debido ao delicado momento polo que están a pasar.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as axudas concedidas na provincia de Lugo suman 356.230 euros, e “están orientadas a facer fronte ás débedas financeiras ou de provedores acreditadas polos beneficiarios”. A Consellería do Medio Rural habilitou un programa con 3 millóns de euros de orzamento para estas achegas, que pretendían dotar de liquidez aos gandeiros, pero finalmente só foi preciso facilitar 1.747.519 euros, que beneficiaron a 205 gandeiros en toda Galicia, 43 na provincia de Lugo. As axudas oscilan entre 200 e 15.000 euros (este é o importe máximo que permite a normativa europea dado que se trata dunha axuda de mínimos) para abonar facturas ou préstamos impagados.
Balseiro subliñou que “a Xunta segue a traballar para garantir o futuro das explotacións e contribuír así ao desenvolvemento do campo”, incidindo en que “o leiteiro é un sector estratéxico para Lugo que, ademais de xerar un produto alimenticio de primeira calidade, desenvolve unha función social, xerando emprego e evitando o despoboamento do rural”.