Os participantes no Gran Concurso de Disfraces do Concello concentráronse ás cinco da tarde deste Martes de Entroido no Mercado Municipal para logo desfilar pola praza de Santo Domingo, a rúa da Raíña e chegar á Praza Maior, nun percorrido que a choiva respectou. Diante da Casa Consistorial e con José Areñas como xefe de cerimonias, os once disfraces individuais , os 6 de parellas e as doce comparsas, que encheron Lugo de música, humor e cor, foron pasando ante numerosas persoas que se achegaron a ver o desfile.
A entidade local repartiu uns 6.650 euros en premios entre os participantes, que valorou un xurado composto este ano por: José Blázquez, artista multidisciplinar; Luis Areñas, deseñador de moda; e Olga Díaz, representante da Asociación Cultural Pepe Barreiro.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e os membros do xurado, entregáronlles os premios aos gañadores desta edición.
Este ano o disfraz individual gañador foi o nomeado como La ira de una diosa que gañou 500 euros, seguidos de Pavoneandose por Lugo e Capitán Babuíno. Na categoría de parellas, O natural é fabul-oso, levou o primeiro premio dotado de 600 euros, seguido polas parellas, Foisenos a pinza e Las enlatadas y olé que levaron 400 e 300 euros respectivamente. Por último, das doce comparsas participantes, a gañadora dos 1.100 euros foi Los empapelaos de Montironi, e o segundo e o terceiro premio foron para O xardín de Triscos e A Arca do Xosé.
Asemade, houbo 3 accésits de 50 euros na categoría individual, outros tres de 100 na de parellas, e sete accésits dotados de 200 euros cada un, na categoría de comparsas.
As actividade de Entroido rematarán mañá co Velorio da Sardiña, a procesión de Santa Compaña e o enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes, que poñerán o broche de ouro ao Entroido.