Os acuíferos situados á marxe dereita do núcleo de Teixeiro están contaminados. O descubrimento tivo lugar, hai 6 meses, por un particular, tras analizar a auga dunha fonte. Esta mañá Lugonovo trasladaba a situación ao goberno para que se faga cargo dela.
“A veciñanza cre que o peso dos camións que cargan e transportan madeira nos montes próximos provocou a rotura das tubaxes de fibrocemento da canalización. Isto puido ser o que propiciou a fuga que está a afectar aos terreos situados nesta parte da estrada que une Lugo con Oviedo, con repercusións moi graves para a saúde humana e para o medio ambiente”, explica Santiago Fernández Rocha quen tamén advirte que, ate o momento, non foi posible concretar dende cando se están a producir as verteduras.
“Esa foi a data na que se detectou, hai aproximadamente medio ano, pero pode que os escapes sexan anteriores a ela”.
Os edís e a edil da formación consideran prioritario resolver canto antes a cuestión tendo en conta que a presenza de materia orgánica na capa freática e, polo tanto, na auga que se consume, pode derivar en enfermidades gástricas para as persoas pero conleva tamén á mortalidade da fauna e da flora da zona.
“Non só están resultando prexudicadas as especies que se atopan nos propias cuncas dos regatos senón que toda a contorna pode sufrir importantes consecuencias. Se esa auga se emprega para o rego, tódolos pastos estarán contaminados e tamén tódolos animais que beban alí ou se alimenten deles”, sinala Fernández Rocha.
O voceiro de Lugonovo refire que a mediados da década dos 80 un acordo entre Concello e residentes posibilitou a construción dunha depuradora e da rede de saneamento correspondente que dera servizo a este enclave do municipio, integrado na súa totalidade por vivendas unifamiliares e cortes.
“Preguntaremos se esa sorte de convenio aínda segue en vigor e se, en función del, a administración local ten algunha competencia na materia. De ser así, solicitarémoslle ao executivo que resolva o problema inmediatamente ou que inste a entidade responsable a facelo”, conclúe Santiago Fernández Rocha.