A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este luns na entrega de premios da primeira edición do certame de traballos fin de grao Enxeñaría e Muller Rural, que tivo lugar na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior. Estes galardóns recaeron nos enxeñeiros Verónica Gómez e Alberto Santín, contan ademais co patrocinio de Proepla e Pathogen. No acto tamén participou o Vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Javier Bueno, a profesora da USC e presidenta da comisión xulgadora dos traballos, María Dolores Fernández, e a directora do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, Inés Santé.
No acto, a rexedora felicitou á USC e á Escola Politécnica pola implicación e a importancia da temática deste primeiro premio, A muller rural, unha iniciativa que axuda a visiblizar o problema da desigualdade e a palialo para conseguir unha igualdade real.
Para Lara Méndez é impensable pensar no rural de Galicia e de Lugo sen o papel decisorio da muller, “moitas veces invisible”. Ademais, a rexedora municipal avogou por desenvolver o rural entre todos, enxeñeiros e administracións, “porque sin rural non hai futuro, posto que estamos a falar dun elemento clave de desenvolvemento”.
O certame foi convocado coa pretensión de pór en valor e premiar aqueles traballos fin de grao de enxeñaría agrícola asinados por alumnas ou que tiveran como temática o desenvolvemento de proxectos que melloren as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural.