A Xunta convoca aos alcaldes da montaña para a creación dun xeodestino turístico

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, convocou aos alcaldes da Montaña lucense a unha reunión que serviu como primeira toma de contacto sobre o proxecto para a creación dun xeodestino turístico que integraría os concellos dos Ancares e O Courel.

O encontro, celebrado hoxe na Delegación territorial, nace co obxectivo de poñer en común a vontade destes municipios para iniciar os trámites que levarán á creación da entidade xestora desta figura turística que con tanto éxito xa funciona noutros espazos da provincia como A Mariña lucense e a Ribeira Sacra.

O delegado territorial lucense, que exerceu como anfitrión do encontro, explicou tamén que a iniciativa persegue unir esforzos e cooperar co obxectivo de mellorar a promoción turística dos municipios que integren o futuro xeodestino. Ao mesmo tempo Balseiro lembrou as vantaxes deste modelo, capaz de ofrecer unha oferta que permita incrementar a estancia media dos visitantes e beneficiarse da colaboración e apoio que Turismo de Galicia dirixe aos xeodestinos.

Á xuntanza estaban convocados trece concellos da Montaña, “que pertencen a áreas xeográficas limítrofes, cunha identidade turística singular e diferenciada”. En concreto, son A Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Triacastela e Samos. Con todo, un dos primeiros puntos será precisamente concretar o ámbito territorial sobre o que promover o futuro xeodestino.

Os representantes municipais presentes na reunión -todos os citados salvo Samos, O Incio e A Fonsagrada- acolleron positivamente a proposta. Segundo acordaron, a Xunta elaborará un borrador que enviará a todos os implicados e estará baseado nos modelos que funcionan na Mariña, a  mancomunidade de municipios, e a Ribeira Sacra, o Consorcio de Turismo. Unha vez que estuden o borrador convocarase unha nova xuntanza para avanzar no proxecto.

Balseiro declarou que “cremos que aínda temos moito potencial por impulsar na Montaña lucense e por iso continuamos traballando, xunto cos concellos implicados, para aumentar a súa presenza no mercado turístico nacional e internacional”.

O delegado da Xunta subliñou que Ancares e O Courel “son o maior espazo natural de Galicia. “A reserva verde. Unha paisaxe de montaña, de extraordinaria beleza e unha riqueza ambiental de primeira magnitude, capaz de atraer un turismo respectuoso e sostible”, afirmou Balseiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com