O BNG-AA preguntará ao Concello polas xestións feitas para contratar o subministro eléctrico a través de cooperativas de consumo

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que mañá está previsto un acto sobre a tarifa eléctrica no Salón de Actos do CEI – Nodus (antigo cuartel de Garabolos). O acto será ás 20:00 horas e nel intervirán, ademais do voceiro do BNG-Asembleas Abertas, o profesor de economía da USC, Bernardo Valdés. Neste acto organizado, polo BNG-AA, abordarase a perda de recursos que supón para Galiza o actual sistema de comercialización da enerxía eléctrica e como se poderían reinvestir os beneficios producidos. 

Arroxo sinalou que “os continuos incremento do prezo por parte das grandes eléctricas teñen que levarnos a buscar forma diferentes de abastecemento e, no actual escenario, entendemos que as institucións teñen que apostar por apoiar os proxectos cooperativos de consumo”. Ademais do que repercute a factura eléctrica sobre toda a veciñanza de Lugo, nos últimos apagóns moitas casas do rural do noso concello víronse afectadas polos apagóns e pola falta de resposta dende as empresas subministradoras. “Dende o BNG-AA propuxemos que o concello contratase o subministro eléctrico dalgún dos seus edificios a cooperativas de consumo e o pleno aprobou por unanimidade a nosa iniciativa” sinalou Arroxo. 

Arroxo lembrou que fai un ano o pleno do Concello aprobou unha iniciativa do BNG para iniciar os trámites para contratar o subministro eléctrico a través de cooperativas de consumo. Na comisión de seguimento dos acordos plenarios do 28 de outubro de 2016, sobre esta iniciativa do BNG, respostouse literalmente “o acordo, vía e-mail, foilles remitido á Delegada de Economía e ó Delegado de Infraestruturas e remitíronse copias do expediente aos Servizos Eléctricos e a Contratación o día 4 de febreiro de 2016”. Na segunda das comisións, celebrada o día 27 de xaneiro de 2017 non se deron datos sobre o avance nestas xestións. O BNG – AA trasladará unha pregunta ao ente municipal para que se dé resposta sobre a tramitación desta iniciativa. 

O BNG-AA aposta por unha tarifa eléctrica galega. No Estado español impúxose o criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única, prexudicial para Galiza ao tratar por igual aos consumidores dos distintos territorios, sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía. Arroxo dixo que “é relevante o prezo da electricidade no mercado maiorista (ou pool), que retribúe do mesmo xeito –sempre ao prezo da máis cara– , a todas as tecnoloxías de xeración que funcionan en cada hora do día, sen distinguir os custos reais de produción, o que provoca uns hiperbeneficios para determinados sistemas, en concreto a hidráulica e a nuclear, o que provoca unha suba artificial dos prezos”.

Rubén Arroxo explicou tamén que cando pagamos a factura eléctrica estamos a pagar outros conceptos que “nada teñen que ver co pago da electricidade”. Segundo afirma o bloque nacionalista, os galegos e galegas pagan peaxes de transporte, como é o caso dos custos extrapeninsulares (Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla) que, no ano 2017, será 740 millóns de euros e ademais pagaranse 2.838 millóns de euros para amortizar a débeda xerada polo déficit da tarifa. Tamén se incluen no pago das facturas eléctricas: custos extrapeninsulares, primas de capacidade, primas carbón español, moratoria nuclear, primas renovábeis, etc.,. “Partidas que debería estar nos orzamentos do Estado español. Sería máis xusto fiscalmente e rebaixarían o prezo final da tarifa eléctrica” sinalou Arroxo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com