O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar unha nova sentenza contra Erimsa, tralo fallo desestimatorio que tivo que encaixar a empresa a finais do ano pasado pola concesión Alicia 5917. Agora, con data do 1 de febreiro de 2017, o TSXG dita un novo fallo xudicial, moi semellante ao devandito, polo que desestima o recurso contencioso-administrativo interposto pola mineira norueguesa contra a Consellaría de Medio Ambiente pola desestimación, por silencio administrativo, da licenza para explotar o cuarzo da concesión Karles 5519, que abrangue 514,78 hectáreas nas parroquias de Xermar, Roás e Bexán (Cospeito).
Tras esta nova sentenza, dende o Sindicato Labrego Galego volven insistir en que “a Xunta de Galicia debe declarar definitivamente a caducidade das concesións mineiras a Erimsa na Terra Chá. “A Xunta non pode seguir calando cando está en xogo o futuro social e económico dunha das comarcas agrogandeiras máis ricas e importantes de Galiza ao estar afectadas 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto. Cómpre lembrar que o Sindicato Labrego Galego, tras solicitar a caducidade destas concesións mineiras en seis ocasións dende 2013, e tras pedir unha entrevista con responsábeis da Consellaría de Industria para tratar o tema, sen que ningunha solicitude fose atendida, presentamos unha queixa diante da Valedora do Pobo.
Hai que lembrar que Erimsa xa perdeu cinco contenciosos administrativos que tiña interpostos contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegábanlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica.
Despois de serlle denegados todos os permisos á concesionaria, varios colectivos instaron á Xunta para que iniciase os expedientes para declarar caducadas as concesións mineiras, aprobadas por trinta anos e prorrogables até noventa. Sen embargo, “a única contestación da Xunta foi o silencio administrativo, pois nin iniciou os expedientes de caducidade nin contestou aos colectivos que a interpelaron”.