O Goberno da Deputación mantén activado o dispositivo de Inverno para facer fronte ás acumulacións de xeo e neve na rede viaria provincial, producidas durante esta madrugada. Un total de 44 operarios e 21 máquinas están a acondicionar as estradas provinciais e municipais máis afectadas.
Os operarios do dispositivo invernal da Deputación están a limpar, arestora, estradas nos Concellos de Folgoso do Courel, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.
Para o acondicionamento destas vías, utilizáronse aproximadamente 30 toneladas de fundente, menos agresivo tanto para os asfaltos como para o propio medio ambiente. Dende as 13:00 horas practicamente a totalidade das estradas da rede viaria atópanse listas para o tráfico rodado. O dispositivo de Inverno da Deputación continuará traballando na rede viaria provincial, a máis extensa do estado, co fin de garantir a seguridade das principais vías de comunicación de Lugo.