Manuel Martínez tomou esta mañá posesión do cargo de Vicepresidente da Deputación. A primeira acción que fixo foi reunirse co equipo de traballo para perfilar as liñas estratéxicas da área que de novo vai dirixir.
Deste xeito, retomou as funcións que viña desempeñando ata hai ano e medio. Durante a reunión encargoulles aos seus colaboradores un informe para coñecer o estado das vías provinciais e cales se están a mellorar. Este será o punto de partida para deseñar o traballo e a folla de ruta da área de Xestión Territorial e Vías e Obras dos próximos meses.
Martinez declarou que “quero subliñar que este traballo se fará coordinado coa presidencia, aplicando, como sempre fixen cando tiven responsabilidades, criterios obxectivos e de eficiencia”.
Asemade quixo agradecer “aos funcionarios deste Servizo, así como aos doutras dependencias que xa tiven a oportunidade de saudar, a acollida recibida, e póñome á súa disposición para calquera cuestión que poidan precisar dende a miña función de Vicepresidente”.
Rematou dicindo que “comeza unha nova etapa na que, xa adianto, que a Deputación terá un protagonismo relevante na mellora das comunicacións da provincia”.