O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle esta tarde as oito, a inauguración da exposición Nosotros, do arquitecto e pintor lucense Carlos Montero, e que recolle as súas mellores obras, do que se ten definido como realismo fantástico e expresionismo.
A súa obra pictórica céntrase moi fundamentalmente na xente, nas persoas en grupo, cunha visión fortemente humorística, ás veces agre e ás veces doce, e cunha robustez que pode dicirse expresionista, capaz de implicarnos e abalarnos coas escenas nas que as persoas se relacionan de moitas maneiras, que van dende o ridículo, ata a emoción máis conmovedora.
Os cadros de Carlos Montero teñen unha certa propiedade hipnótica, que captura a atención e nos obriga a mirar figura a figura, detalle a detalle, procurando todos os compoñentes e todas as relacións, entre os personaxes e as cousas.