A Deputación presenta un orzamento con 44,5 millóns para emprego, políticas sociais e infraestruturas

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, presentou hoxe a súa proposta de Orzamento para 2017, que vai a levar a un Pleno Extraordinario, que terá lugar o vindeiro martes, 14 de marzo, para a súa aprobación. Campos Conde adiantou que o presuposto ascende a 84,8 millón de euros, dos que “destinamos ao fomento do emprego, das políticas sociais e das infraestruturas nos 67 Concellos da provincia 44,5 millóns, que representan o 52% do total das contas provincias”.

“Como dixen no Parlamento galego, durante a miña comparecencia para adiantar as liñas estratéxicas das contas provincias para este ano, os máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos da provincia son os protagonistas do Presuposto desta Deputación. Todos os investimentos desta institución son para mellorar a súa calidade de vida e loitar pola igualdade de oportunidades nunha provincia, como a de Lugo, envellecida; cunha ampla dispersión poboacional, que se concentra no noso amplo rural; afectada polo despoboamento demográfico, e con moitas familias no paro debido de crise que sofre o conxunto dos nosos sectores produtivos, especialmente, o gandeiro. Cremos que isto só pasa pola posta en marcha medidas de fomento do emprego e da economía; das políticas sociais e das infraestruturas, no conxunto dos 67 Concellos da nosa provincia; que son os 3 piares das contas provincias deste ano”, explicou.

O orzamento consolidado da Deputación de Lugo para 2017 ascende a 84,8 millóns de euros. Con respecto ao 2016, baixa nun 3,92%, que representa 3,4 millóns de euros, debido á liquidación da débeda da Xunta pola transferencia dos hospitais, pois a Deputación deixa de percibir 3,7 millóns de euros anuais; e pola redución na retención aos Concellos debido á recadación de impostos, que o Goberno Provincial baixou do 3% ao 1%, aforrando 745.000 euros aos municipios.
Plan Único nos 67 Concellos con 20 millóns de euros
O Presidente destacou que incluíu no Orzamento un Plan Únicos para todos os Concellos da provincia de 20 millóns de euros. “Distribuiremos estes fondos no conxunto dos municipios da provincia en base a criterios totalmente obxectivos, como xa fixemos no 2016 con máis de 10 millóns de euros. Respectamos a autonomía local dos Concellos, pois cada un ten unhas necesidades concretas ás que atender para responder aos veciños. Deste xeito, serán os municipios os que decidan o destino dos fondos do Plan Único, tendo en conta as políticas de actuación que vimos desenvolvemento nesta Deputación nos últimos anos. É dicir, fixaremos un mínimo para crear emprego, ofrecer servizos sociais e mellorar as infraestruturas. Os municipios poderán decidir en que invisten a parte restante, se para actuacións no ámbito do deporte, da cultura, aforro enerxético, fomento do turismo, da agricultura, gandeiría ou pesca, das novas tecnoloxías…”
O Presidente definiu tres piares no Orzamento da Deputación para 2017, que son o fomento do emprego e da economía, das políticas socias e das infraestruturas no conxunto da provincia.

1º piar o fomento do emprego e da economía

Con respecto ao fomento do emprego e da economía, Campos Conde destina 6 millóns de euros a novas políticas de actuación de fomento do emprego. “Simultaneamente, este ano seguiremos con outras liñas de inserción laboral, como o LUGOWORK de 2 millóns de euros, co que ofrecemos formación e contratos en empresas da provincia a uns 300 mozos lucenses no paro; o Ben Empregado 3, co que financiamos con 2,4 millóns de euros os custos laborais de case 200 novos traballadores; ou o DEPUEMPREGO, co que xeramos 264 novos postos de traballo nos propios Concellos con 3 millóns de euros. Seguiremos sendo, polo tanto, a administración galega que máis inviste na verdadeira xeración de emprego na provincia de Lugo”, destacou.

A de Lugo tamén seguirá sendo a única Deputación de Galicia que asume os custos municipais dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), asumindo con 600.000 euros a contratación dos profesionais que ofrecen esta prestación.

O Goberno da Deputación porá en marcha o Centro de Recría, xerando un mínimo de 10 postos de traballo, que son os mínimos que ten que ofrecer a concesionaria deste servizo.

Tamén impulsará o sector turístico, coas primeiras actuacións do Plan Estratéxico de Turismo, ás que achega 1 millón de euros do novo orzamento.

Destínanse 3,9 millóns de euros ao pulo do deporte na provincia; 6,1 millóns de euros á cultura e á Rede Museística, e 1,3 millóns de euros ao Centro de Artesanía e Deseño.

2º piar as políticas sociais
Con respecto ao fomento das políticas sociais, o Presidente dota de 6,3 millóns de euros o departamento de Benestar, incrementado os seus fondos en 2,1 millóns de euros con respecto ao ano pasado. Mantén a dotación económica para a prestación do servizo a domicilio a custe cero para os Concellos, con 1,5 millóns de euros, que se inclúen dentro do Plan Único. Garante a Teleasistencia gratuíta e ofrece máis prazas, “cando hoxe asumimos as de 1.000 maiores da provincia”, con 350.000 euros.

O Presidente achega preto de 370.000 euros ao funcionamento das residencias e centros de días cuxas obras “temos rematadas ou estamos a piques de rematar: A Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita do Cebreiro”, apuntou.

En materia de educación pública, destínanse 1,6 millóns de euros á Escola de Imaxe e Son da TIC, o único centro público da provincia que ofrece ensinanzas superiores no eido audiovisual e con matrícula gratuíta para non repetidores.

Achéganse 350.000 euros ao Plan de Choque do Campus de Lugo. “Incrementamos a nosa colaboración coa Universidades lucenses, pois destinamos outros 650.000 euros á construción da Granxa Experimenta na Granxa Gayoso Castro, e outros 300.000 euros á mellora do Hospital Veterinario Rof Codina, así como ao funcionamento de desta Fundación e da Facultade de Relacións Laborais”. Tamén se colabora coa actividade da UNED con 312.000 euros.

3º piar as infraestruturas
Para a terceira prioridade, as infraestruturas, achéganse 18,4 millóns de euros, cos que mellorar as mesmas, “especialmente no rural, a través de programación como o POS, que dotamos de 5,7 millóns de euros, incluídos no Plan Único cos 67 Concellos”. Destínanse máis de 8,3 millóns de euros á mellora das estradas provinciais e municipais, colaborando e aforrando custos aos Concellos; e preto doutros 2 millóns de euros á outras actuacións de dotación de infraestruturas públicas nos municipios.

Gastos de persoal e correntes
A Deputada de Economía remarcou que “mantemos a consolidación e solvencia económica e financeira desta institución, con endebedamento cero, e con orzamentos estableces e saneados. Prevemos pechar o pasado exercicio cumprindo co obxectivo de estabilidade e sustentabilidade financeira, e tamén coa regra de gasto, segundo a senda aprobada no Plan Económico Financeiro 2016-2017”.

“Se ben os investimentos para emprego, políticas socias e infraestruturas nos 67 Concellos ascenden aos 44,5 millóns de euros, representando o 52% do orzamento; os gastos de persoal representan o 29,90% e baixan con respecto ao ano pasado en máis de 600.000 euros. Con respecto aos Gastos Correntes, que representan o 16,61%, apuntar que mantemos a contención destes custos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com