No Día da Muller (Traballadora)

Hoxe é o día da Muller Traballadora. Como se non o fosen todos os días de todos os anos. E ata é posible que un día coma hoxe consiga poñer luz sobre unha realidade, difícil entre as realidades difíciles.

Os homes asignáronlle ás mulleres o cualificativo de sexo débil, con total lixeireza e irresponsabilidade, pero así coñecemos a definición desde o comezo dos nosos tempos. E eu non creo que haxa debilidade en ningún dos sexos, pero se algún fose débil, ese non era o da muller.

Galicia ten unha tradición matriarcal que hai quen busca na tradición, no ambiente, no clima, na pobreza… en base á realidade existente, acreditada de xeito moi especial nas viúvas de mortos, abundantes pola dureza do traballo masculino en tempos pretéritos, pero tamén polas viúvas de vivos, co marido na emigración, moitas veces en ignorado paradoiro, que tiñan que facer fronte a unha realidade durísima, sacando á súa familia da miseria e da fame. Pois nesta Galicia aínda hai que celebrar o Día da Muller traballadora.

A muller ten conquistado un lugar na sociedade: no ensino, na medicina, no xornalismo, na administración… o 70% dos funcionarios da Xunta son mulleres. Pero segue a ser realidade a duplicidade do traballo feminino que desempeña unha profesión fóra da casa, sendo nai e todo o demais ao volver ao fogar.

Supoño que por aí hai que entender o Día da Muller traballadora… en facer constar o seu especial papel, o especial esforzo que a muller que traballa fóra da casa ten que desempeñar, e mesmo o especial esforzo en cada posto de traballo para conseguir ser igual nominalmente ca os homes… Moitas veces, mellores, para conseguir ser iguais.

Non comprendo como o que ten mulleres na casa non ve o especial esforzo das amas de casa ou das compañeiras de traballo para conseguir conxeniar o seu papel dúplice, necesariamente pluriempregada para conseguir a imprescindible igualdade.

E hoxe é o Día da Muller Traballadora. Como  todos os días de todos os anos. Só que hoxe é o momento axeitado para dar a coñecer  a situación real do traballo da muller, cada vez máis visible na sociedade, sempre esixíndolle máis para ser igual.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com