A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a contratación da explotación das cafeterías situadas nas piscinas municipais cubertas de Frigsa e das Pedreiras, establecendo un canon para aboar ao Concello de 780 euros mensuais no primeiro caso e de 881 euros no segundo. O prazo máximo de duración deste contrato é de dous anos, podendo prorrogarse por períodos máximos anuais ata un máximo de tres anos.
Na sesión deste mércores, tamén se deu luz verde á adxudicación do contrato da subministración de panadería para o Fogar do Transeúnte, cunha media de 1.400 persoas usuarias. Terá unha vixencia dun ano podendo prorrogarse por outro período máximo anual. O prezo anual é de 5.302,17 euros e inclúe a subministración de panadería, pan de trigo, barras ou empanadas recheas. A entrega realizarase todos os días da semana.
Prórrogas de contratos
Asemade a Xunta de Goberno aprobou as prórrogas dos contratos do servizo de información e dinamización dos sete Centros de Dinamización Sociocultural do Concello, sitos na zona rural, ata o 11 de abril de 2018, por un importe de 58.065 euros; do servizo de telefonía móbil, fixa e conexións de datos do Concello, ata o 24 de xaneiro de 2019, que ascende a 177.780 euros, e do servizo de roza nas pistas de diversas parroquias da zona rural para o ano 2017 por un importe de máximo de 97.272, debendo realizar o desbroce entre os meses de xuño a setembro.