O BNG proporá no Pleno a peonalización do recinto interior da Muralla e do Tramo da Mosqueira

Logo da da posta en marcha da redución de velocidade a 30 km/h na ronda da Muralla, o voceiro do BNG – AA anunciou unha iniciativa para ser tratada no pleno da corporación municipal na que proporá que se acometa, neste ano 2017, a peonalización do recinto interior da Muralla e do tramo da Mosqueira. Arroxo sinalou “esta peonalización farase respectando o acceso a garaxes, parkings, vehículos de transporte público e servizos de carga e descarga; temos que buscar outro modelo de circulación no interior do recinto amurallado dando prioridade ás persoas sobre os vehículos en todas as vías” . Rubén Arroxo apostou por converter a rúa Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Amor Meilán en vías de plataforma única ao igual que se faría nas prazas do Ferrol e Santo Domingo. “Nas vías de plataforma única é o vehículo quen invade o espazo das persoas e isto xa é un factor que inflúe psicoloxicamente sobre quen conduce para tomar unha posición de respecto ás persoas”.

Arroxo dixo que “o recinto interior da Muralla é a zona monumental máis importante da cidade de Lugo e a día de hoxe conta con un valiosos elementos distinguidos como Patrimonio da Humanidade” e por iso “é unha responsabilidade da corporación local e das institucións traballar para que a cidade e o seu casco histórico, ademais de ser un atractivo turístico, continúe sendo un espazo habitado no que lucenses e visitantes conflúan”.

Máis pasos de peóns e menos semáforos

Con pasos de peóns elevados poderían retirarse moitos semáforos da ronda e a circulación gañaría en fluidez e seguridade” dixo Rubén Arroxo que apostou por incrementar o número de pasos de peóns “dándolles unha función de calmado do tráfico que se sume á limitación legal de velocidade”.

Futura peonalización da Ronda

Para o BNG o futuro da Ronda da Muralla ten que ser peonil, e os desenvolvementos que se fagan na cidade teñen ir tendo iso no horizonte. “Hai que ir tomando medidas de cara a disuadir o tráfico da Ronda, e cómpre apostar por itinerarios alternativos, ao igual que ter presente rematar as unións de rúas para pechar o anel da Segunda Ronda, deseñar aparcadoiros disuasorios na contorna do casco histórico, e revisar a regulación semafórica para axilizar o tráfico”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com