O BNG- AA levará ao vindeiro Pleno do Concello de Lugo unha iniciativa para acordar a redacción dunha ordenanza que regule os espectáculos con animais dentro do límite municipal. O voceiro desta agrupación, Rubén Arroxo lembrou que a finais de setembro do pasado ano chegou a Lugo un circo que utilizaba animais no seu espectáculo e “a pesares da existencia dun acordo plenario que aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para declarar a Lugo concello libre circos animais, non se puido evitar a presenza deste circo por que o concello carece de armas legais para prohibir este tipo de espectáculos nos que se utilizan animais salvaxes en cautividade”.
Rubén Arroxo advertiu que se anuncia a chegada Lugo dun novo circo que “noutras localidades traballou con animais e algúns lugares tivo problemas coas normativas locais para poder utilizar os números de animais salvaxes”. Arroxo anunciou que na iniciativa tamén se reclamará que a Xunta estableza unha normativa clara a este respecto xa que “neste momento os circos que se instalan en terreos privados están amparados pola lei de emprendemento dicatada polo PP dende o goberno da Xunta”.
Para o BNG-AA “trátase de dotarnos de ferramentas legais para evitar a presenza de novos circos con animais ou espectáculos de tortura como o anunciado no Páramo”. O voceiro, Rubén Arroxo, recoñeceu que “é certo que a polémica dos touros non chegou a Lugo pero aínda así debemos de crear unha norma que nos permita evitar este tipo de espectáculos e as polémicas e enfrontamentos que provocan”.
Rubén Arroxo lembrou que “o BNG presentou, en febreiro de 2014, unha moción ao pleno municipal que foi aprobada” e engadiu que “agora temos que dotarnos da normativa legal necesaria para que os termos dalquel acordo aprobado no pleno da corporación sexa efectivo”. Arroxo afirmou que “no caso do concello de Lugo vemos como os defensores dos animais desenvolveron unha intensísima campaña para que circos con animais non se poidan instalar no termo municipal”. Arroxo sinalou que “de non ser pola presión dos colectivos animalistas e do BNG non se faría nada para evitar o uso de animais como reclamo do espectáculo circense que chegaron a Lugo”.