A Deputación solicita 1,4 millóns á UE para medidas de aproveitamento sostible na Serra do Xistral

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, informou hoxe que a Deputación de Lugo está a liderar a prestación da candidatura ao programa comunitario Life In Common Land para acadar 1,4 millóns de euros da Unión Europea co obxectivo de conseguir a máxima rendibilidade do territorio que se inclúe na Serra do Xistral, respectando a súa conservación.

Santos Ramos explicou que o organismo provincial concorre a estes fondos xunto aos 12 Concellos que forman parte deste espazo, que son os de Abadín, Alfoz, Mondoñedo, MurasOurol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo, ademais das Pontes; así como coas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. A Deputación superou a primeira fase de concorrencia a este proxecto e así se deu conta á Xunta de Goberno deste venres, que tamén acordou, como requisito para poder continuar con esta candidatura, achegar máis de 200.000 euros de fondos propios do organismo provincial, que se sumarían aos 1,4 millóns da Unión Europea, e que permitirían desenvolver o proxecto da institución, no caso de ser finalmente aprobado.

Hai que ter en conta que o territorio da Serra do Xistral, no que se inclúen 12 Concellos e que conta cunha extensión de 22.000 hectáreas; está catalogado como Rede Natura 2000, sendo, ademais, zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Por este motivo, existen limitacións en canto a súa xestión para garantir a conservación deste espazo natural.

“Temos que protexer os nosos espazos naturais, pois é unha oportunidade económica para o territorio, pero isto debe ir aparellado da implantación de medidas que favorezan o desenvolvemento e a convivencia da actividade económica e humana, facendo fronte, ademais, ao despoboamento demográfico”, destacou o voceiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com