A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou esta mañá de que o Concello ven de abrir o prazo de solicitude para a autorización do uso en precario dos locais e instalacións das dúas casas das asociacións de interese social da entidade local, Clara Campoamor e María Mariño, tras a publicación de ditas bases no Boletín Oficial da Provincia.
A edil explicou que o goberno municipal cederá un local por entidade, por unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de tres, “onde os colectivos poden desenvolver os seus programas e actividades”. As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de abril no Rexistro Xeral do Concello e soamente admitirán unha solicitude por entidade.
A Casa Clara Campoamor, situada na Avenida Infanta Elena, conta con 7 locais, un ximnasio e unha sala biblioteca e a María Mariño, sita na rúa Monte Faro, ten 13 locais, un salón de actos, unha sala polivalente e unha sala de recepción.